| O Concello de Vigo non facilitou a información ambiental que Amigos da Terra solicitou sobre VigoZoo |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 22 Xaneiro 2010 12:02 |
|
Amigos da Terra solicitou o pasado 29 de outubro, información ambiental sobre a documentación que obra en poder do concello de Vigo e relacionada con Vigozoo. A documentación solicitada trataba sobre os informes que recollen os programas que executa supostamente o parque zoolóxico para dar cumprimento á normativa europea de Zoos.
Así mesmo, solicitouse copia das licenzas municipais e das autorizacións pertinentes outorgadas pola Consellería de Medio Ambiente (agora competencia de Medio Rural) que determinaran a legalidade do núcleo zoolóxico vigués e a súa adaptación ás directivas comunitarias de regulamentación de núcleos zoolóxicos.
A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, establece no seu artigo 10 o prazo dun mes para o envío da documentación ambiental requirida dende a recepción da petición do solicitante. Transcorrido o prazo legal polo que o concello debía enviar contestación ao colectivo ecoloxista, este vai recorrer a decisión do concello de non enviar a contestación nin a documentación solicitada.
O incumprimento por parte do concello de Vigo da norma legal que garante o acceso á información por parte da cidadanía conleva a unha pregunta clave: que ten que agochar a administración viguesa respecto á petición de información ambiental realizada por Amigos da Terra? A negativa a enviar ou proporcionar dita información e a falta de resposta de por que non se envía, tal e como a lei establece, leva á asociación a interpor o recurso pola falta de contestación. Dende o colectivo engaden que “a omisión imputable ao concello vigués como autoridade pública na que obra a información ambiental solicitada, constitúe unha vulneración dos dereitos que recoñece a Lei de Aarhus”.
Os incumprimentos de Vigozoo dende 2001 As causas polas que a Comisión Europea decidiu facer un requirimento ao Estado español pola situación do zoo de Vigo, foron xa detectadas por Amigos da Terra no ano 2001, o que levou ao colectivo galego a enviar un informe á Unión Europea pola situación na que se atopaba Vigozoo. O informe baseábase principalmente no incumprimento da normativa de regulación de zoolóxicos, a Directiva 1999/22/CE do Consejo, de 29 de marzo, e concretamente pola obsolescencia e falta de seguridade das instalacións, dos animais e pola falta de servizo veterinario permanente.
|





