| Amigos da Terra alerta á administración dos perigos que supoñen os encontros de todo terreos |
| Escrito por Montse Valencia |
| Luns, 03 Maio 2010 11:26 |
|
Amigos da Terra tramitou denuncias ante a Consellería do Medio Rural, ante o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil e ante a Subdelegación do Goberno alertando a todos eles do VII Encontro Nacional Club Land Rover, encontro financiado e patrocinado entre outros, pola Xunta de Galicia, pola Deputación Provincial de Ourense e polo Concello de Montederramo e que se deu cita a pasada fin de semana.
A concentración proba de todo terreo discorreu por distintos lugares do Macizo Central ourensá e pola Ribeira Sacra, segundo información aparecida nos medios de comunicación. En concreto, discorreu por zonas de fragas, de cría de fauna, camiños forestais, corredoiras e regatos. A proba consistiu na circulación de vehículos en caravana e con altas velocidades, con forte risco de erosión das capas do terreo, graves ruídos, danos á infraestrutura viaria, danos á flora e á fauna, perigo de incendios e forte impacto nos ecosistemas xa de por sí moi degradados por actividades antropoxénicas.
A este respecto, Amigos da Terra comenta que non sabe que tipo de medidas se tomaron por parte das distintas administracións para paliar as afeccións que este tipo de probas provocan nos entornos polos que discorren. Ademais din que é preciso comprobar que todos os participantes están rexistrados e que os organizadores dispoñen de todas as autorizacións e coñecen as normas das leis de montes e de prevención de incendios.
Para este VII Encontro Nacional Club Land Rover esperábase que se deran cita de 400 a 500 vehículos todo terreo e a suma de 1.500 persoas.
|






