| Amigos da Terra presenta alegacións contra o proxecto de aproveitamento eléctrico do río Eo |
| Escrito por Montse Valencia |
| Mércores, 12 Maio 2010 09:17 |
|
O proxecto supón a construción dunha minicentral para aproveitamento hidroeléctrico que afectaría a máis de nove quilómetros do río, situado no municipio de Ribeira de Piquín. Amigos da Terra considera que dita construción podería conlevar á perda do Lugar de Importancia Comunitaria do río Eo.
Consulta o texto das alegacións de Amigos da Terra presentadas o 10 de maio, aquí
Non só dispón a zona desta figura de protección europea, senón que tamén está catalogada como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Reserva da Biosfera, xunto con Oscos e Terras de Burón en Lugo. Algunhas das argumentacións plantexadas pola asociación tradúcense en impactos ambientais derivados da construción dunha minicentral nun espazo natural protexido. Así, produciríanse de modo irreversible ou temporal, impactos sobre o medio acuático, a perda de solo e a súa erosión, sobre a vexetación, a fauna, a paisaxe e á atmosfera. Igualmente asócianse a este tipo de construcións, impactos sociais xa que a alteración do curso do río conleva a sufrir perda dos usos existentes como a invasión de vias pecuarias e pasos de gando. A pesca fluvial, tradicional na zona, tamén veríase afectada precisamente por esa alteración do caudal.
Das afeccións máis graves asociadas a este tipo de construcións, as alteracións do caudal de auga seguen a ser das máis graves, xunto ao impacto sobre a fauna piscícola pola colocación do azud que producirá un efecto barreira influíndo na migración dos peixes que remontan o río para desovar. Outras afeccións salientables son a perda do hábitat de especies terrestres pola desaparición de boa parte da cobertura vexetal durante a construción e pola inundación de zonas para a creación da presa.
O Estudo de Impacto Ambiental do proxecto pode consultarse no enlace ou na páxina web da Confederación Hidrográfica do Cantábrico á que hai que remitir as alegacións por atoparse dito Estudo en fase de información pública, antes do 17 de maio.
|





