| Amigos da Terra denuncia unha nova vertedura ao río Támega |
| Escrito por Montse Valencia |
| Venres, 14 Maio 2010 09:09 |
|
O río Támega, ao seu paso pola localidade de Feces de Abaixo en Verín, foi víctima doutra vertedura sobre as súas augas. As denuncias tramitadas por Amigos da Terra diríxense principalmente ao concello de Verín xa que, segundo os veciños, estes feitos acaecidos fai uns días prodúcense de forma reiterada ao río.
As denuncias foron tamén enviadas ao Servizo de Conservación da Natureza de Ourense e á Confederación Hidrográfica do Douro. Aínda que a competencia sobre o dominio público hidráulico a ten este Organismo de conca, a Directiva Marco da Auga, trasposta ao ordenamento xurídico español dende o ano 2003, establece que serán os concellos os que terán competencia en materia de saneamento das augas que transcorran polo seu termo municipal e en consonancia co que estableza a administración autonómica.
Fonte: denunciantes. Río Támega. 11 de maio 2010
Paradoxicamente, a Confederación do Douro anunciaba a principios deste ano a execución de dous novos proxectos para acondicionar o contorno ecolóxico do río Támega. Pero de pouco vale acondionar as marxes do río e invertir máis de 2,7 millóns de euros en obras no Támega dende o ano 2008, se as augas están contaminadas. Fai dous anos esta Confederación, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, incoou expediente sancionador, en base á denuncia interposta por Amigos da Terra, ao concello de Monterrei por detectar un vertido non autorizado de augas residuais no río Bubal, afluente do Támega.
Ademais a necesidade e obrigatoriedade de preservar unha boa calidade das augas baséase, non so nas repercusións positivas no cortono ecolóxico das mesmas, senón que garante a salubridade da poboación. Por outra banda, o río Támega está cualificado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), figura de protección medioambiental europea polo que o río, en virtude deste recoñecemento, adquire unha protección singular pola súa diversidade biolóxica. Esta cualificación obriga á administración a cumprir coa responsabilidade de conservación destes espazos para, dun lado evitar a imposición de multas económicas que ao final son abonadas polo erario público e, por outro lado, a cumprir cos compromisos mediambientais fronte á sociedade.
|






