| Amigos da Terra solicita información ambiental sobre a planta de residuos de obra de Morgade |
| Escrito por Montse Valencia |
| Mércores, 02 Xuño 2010 09:17 |
|
Os veciños da localidade limiá de Morgade dirixíronse ao colectivo ecoloxista para tratar de dar coa información ambiental que ata o momento lles foi omitida polo concello.
Foto: obras en Morgade. La Voz de Galicia
O escrito tramitado por Amigos da Terra dirixiuse ao departamento de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e baséase na petición de información ambiental do proxecto de instauración dunha planta de residuos de construción e demolición en Morgade. Segundo a normativa que regula este tipo de centros, os produtores dos residuos de construción e demolición e os posuidores dos mesmos, deben someterse a un rigoroso control sobre prevención, reutilización, valoración e eliminación dos residuos.
Asímesmo, a norma galega establece un réxime xurídico de autorizacións administrativas para a produción e xestión dos residuos e a notificación das actividades que dos mesmos se faga en Galicia. Por outra banda, impón a obriga da inscrición desta actividade de produción e xestión no Rexistro Xeral de Productores e Xestores de Residuos.
Ata o momento, descoñécense estes datos en parte porque o proxecto non se someteu ao trámite de información pública o que carrexa un incumprimento da Lei de Administración Pública que establece a necesidade de abrir un periodo para que aqueles interesados poidan presentar alegacións, documentos ou xustificacións que estimen pertinentes durante un periodo de tempo e para dar efectividade aos dereitos que, en materia medioambiental, teñen os cidadáns.
Segundo as últimas novas publicadas sobre a planta de residuos de obra, o proxecto non está elaborado polo que, efectivamente, o mesmo non puido saír a exposición pública. A evasión de certos trámites preceptivos como a elaboración do propio proxecto, a obtención de informes ambientais, autorizacións e licenzas dunha obra, fan que esta deba ser declarada ilegal, polo que é necesario parar as obras ata que se regularice a situación.
|





