| O concello de Muíños engalónase de sangue nas festas de verán |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 06 Agosto 2010 08:42 |
|
Esta pequena aldea do Xurés, acollerá mañá 7 de agosto unha corrida de touros. Os animais, indiferentes á falta de moralidade humana, morrerán desangrados logo dunha lenta agonía, baixo a mirada de quen paga polo disfrute da morte allea.
O concello de Muíños insiste en celebrar as súas festas mediante o uso cruel de animais e, neste caso, levando á morte aos mesmos. Di moito dun alcalde a súa insistencia polo maltrato animal nun pobo que ademais, dispón duns valores naturais que o fan atractivo de por sí, sen necesidade de mancharse de sangue.
Amigos da Terra presentou varios escritos ás administracións solicitando que se comprobe que o espectáculo se axusta á legalidade o día da súa celebración, e que os organizadores dispoñen de todas as autorizacións pertinentes. Existen precedentes no concello, da celebración ilegal doutro espectáculo taurino coñecido como a Chega de Bois, seis veces sancionado pola Consellería de Medio Ambiente.
Este tipo de espectáculos están suxeitos a unha serie de reglas que deben garantir, tanto a seguridade dos cidadáns como a situación dos propios animais. Por iso, as autoridades deberán desprazarse ata Muíños para comprobar que os animais e a praza habilitada para tourear, cumpren os requisitos legais.
|





