| Ecoloxistas denuncian unha competición deportiva que ameaza un espazo natural protexido |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 01 Abril 2011 09:16 |
|
O trazado dunha carreira de trail, a "I Costa-Trail de Oleiros "Seixo Branco", ameaza unha importante colonia de aves no monumento natural da Costa de Dexo, en Oleiros. A carreira terá lugar o vindeiro domingo, 3 de abril. As organizacións denunciantes solicitamos, sen conseguilo até o momento, a modificación do trazado da proba, que só afectaría a 3 km do total de 18. Desta maneira, evitaríase unha grave afección ós niños das aves, neste momento ocupados por estar en plena tempada de cría.
Organizacións ecoloxistas e conservacionistas de Galicia, entre as que se atopa Amigos da Terra, puxémonos en contacto cos organizadores da proba, así como co Concello de Oleiros e os responsables de Conservación da Natureza da Consallería do Medio Rural. A día de hoxe, aínda non temos constancia de que os organizadores (o Clube de Montaña Ártabros e o Clube Pico do Castro) solicitasen o permiso correspondente para a realización da proba no espazo natural protexido, declarado Monumento Natural e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC – Natura 2000), segundo estas organizacións conservacionistas puideron confirmar por parte dos responsables da Consellería de Medio Rural.
Esta proba percorrerá, o espazo Rede Natura 2000 e Monumento Natural Costa de Dexo, no cal se localiza unha das principais colonias galegas de corvo mariño cristado, probablemente a de maior importancia de cantas existen no continente (é dicir, fóra das nosas illas). O corvo mariño cristado é unha especie ameazada que está experimentando un acentuado declive poboacional nos últimos anos, o que o ten levado a estar considerado como en perigo de extinción no "Libro Rojo de las Aves de España (Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino)" e protexido legalmente a través do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que o considera como vulnerable.
A proba, na que está prevista a participación de 200 corredores máis persoal da organización e público, percorrerá, tal e como está actualmente deseñada, a primeira liña de costa, a menos de 20 metros dun número elevado de niños de corvo mariño cristado e en pleno periodo de cría desta especie e outras especies protexidas presentes na zona, provocando unhas molestias que poderían supor o abandono dun número elevado de niños nun periodo crítico de eclosión e desenvolvemento dos pitos.
Así mesmo, durante parte do seu percorrido, a carreira alónxase dos camiños que conforman a ruta de sendeirismo existente na zona, chegando a aproveitar terreos afectados por un lume ocorrido en 2010 e a afectar a hábitats prioritarios segundo a Directiva 43/92/CEE ou Directiva Hábitats.
As entidades denunciantes, que asumen e lamentan o escaso prazo de tempo existente até a data de celebración, non se opoñen a este tipo de actividades deportivas realizadas dunha maneira regulada, por consideralas sostibles e realizadas por persoas xeralmente respectuosas co medio ambiente. Non obstante, consideran que a data de realización da proba é inaxeitada, sobre todo, tendo en conta que non se ten constatado a existencia de ningún tipo de autorización por parte da administración para a súa realización.
Por este motivo, puxémonos en contacto coas entidades organizadoras e coa administración co obxectivo de solicitar que o percorrido transcorra a unha maior distancia dos niños das aves e se evite o pisoteo de hábitats prioritarios. En concreto, solicitouse a modificación de tan só tres pequenos treitos dunha lonxitude aproximada de 3.000 metros, realizando unha proposta de trazado alternativo. Desta maneira, a variación na lonxitude final do percorrido sería de só 250 m, nunha proba dunha lonxitude total aproximada de 18 km. Até o momento a organización no se ten mostrado receptiva ante estas propostas.
Por último, queremos subliñar que este caso pon en evidencia a urxente necesidade dunha ordeación, xestión e regulación de usos nos espazos naturais protexidos galegos, que permita compatibilizar a conservación e posta en valor dos seus valores co su uso público e o desenvolvemento sostible da poboación local. |





