| Amigos da Terra denuncia unha ducia de vertedoiros ilegais localizados na comarca Allariz-Maceda |
| Escrito por Montse Fernández |
| Luns, 20 Xuño 2011 10:24 |
|
Na Comarca de Allariz e Maceda foron inventariados no mes de maio unha serie de vertedoiros de diverso tamaño, formados por diferente tipo de lixo e residuos urbanos que puideran devir nunha grave situación para o medio ambiente e para a saúde das persoas. As denuncias foron tramitadas ante as Consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
A proliferación deste tipo de puntos de vertidos non autorizados e non controlados, constitúen un dos grandes e reiterados problemas ambientais que se producen no rural galego. A época cara a que nos diriximos con subas elevadas de temperatura, fan destes puntos unha factible ameaza de incendio, ademais da proliferación de roedores, insectos, malos cheiros, e contaminación de augas superficiais e subterráneas polos arrastres derivados das choivas e pola infiltración de líquidos ás capas subterráneas puidendo afectar aos acuíferos.
A Lei 10/2008, do 3 de novembro de Residuos de Galicia, recolle que as entidades locales terán competencias para a xestión dos residuos urbanos correspondentes ao seu municipio. Os municipios son responsables da retirada dos residuos así como tamén, do mantemento do aseo e o coidado da localidade, é dicir, deben procurar polo benestar social. As entidades locais teñen un papel importante fronte á xeración e permanencia de vertedoiros ilegais, a vixilancia de sitios con potencial de converterse en vertedoiros clandestinos ou microvertedoiros e a denuncia de verteduras ilegais. Por último, os donos dos terreos deben responsabilizarse proporcionando un mantemento adecuado á finca, isto é limpeza e peche.
Os impactos ambientais asociados aos vertedoiros ilegais poden ser: a contaminación do solo, xa que o depósito de residuos ten acción directa sobre o solo alterando en forma negativa as súas características estruturais e químicas orixinais; a contaminación de augas superficiais e subterráneas: xa que pola choiva se infiltran contaminantes cara ao subsolo coa consecuente contaminación do subsolo; a outra situación posible é o arrastre de residuos cara a cursos de auga superficial naturais como ríos ou canles de regadío; e, finalmente, a contaminación do aire xa que este tipo de contaminación atópase asociada á xeración de cheiros de produtos en descomposición, e as emisións provocadas por queimas, que é unha práctica bastante común para diminuír o volume e recuperar metais ou que poden ser produto de incendios de grandes proporcións.
Por outra banda, tamén se asocia a este tipo de puntos ilegais a alteración da paisaxe: aínda que nalgúns casos os vertedoiros clandestinos sitúanse en zonas de pouco valor desde o punto de vista paisaxístico, este impacto ambiental non é menor xa que contribúe á perda do valor de ambiental do contorno en que se sitúan. |





