| Quedan clausurados os vertedoiros ilegais de O Courel coa plantación de herbáceas |
| Escrito por Montse Valencia |
| Martes, 02 Setembro 2008 10:28 |
|
Amigos da Terra denunciara a lamentable situación na que se atopaban dous montes do concello de Folgoso do Courel que foron destinados a recibir, por un lado, os residuos sólidos urbanos da poboación e, por outro, todo tipo de enseres e voluminosos dos veciños que fixeron dunha finca unha gran escombreira.
Houbo que esperar 2 anos dende as primeiras denuncias á Consellería de Medio Ambiente e ao concello, para pór fin a unha situación que se prolongaba ao longo de 14 anos xa que, no caso do vertedoiro de Castro de Megoxe, era o propio concello de Folgoso do Courel o que viña depositando alí de forma indiscriminada e sen xestión previa algunha ou tratamento axeitado, os residuos sólidos dos habitantes.
Fonte: Amigos da Terra. Monte Castro de Megoxe. 2006
As consecuencias ambientais deste tipo de vertedoiros repercuten asemade na saúde das persoas. A ubicación preta do vertedoiro de Castro de Megoxe a unha fonte fai que a súa clausura atenda a unha maior preocupación por parte dos técnicos xa que a degradación da calidade da auga da fonte non é tan so un problema de contaminación senón do propio entorno causando afeccións á flora da zona e á propia fauna que se abastece das augas de dita canle.
Fonte: Amigos da Terra. Monte Traspando. 2006
A Consellería de Medio Ambiente aprobara un presuposto de 300.000 euros para o selado e recuperación destes dous espazos degradados por ambos vertedoiros. A asignación deste presuposto, por outro lado moi axustado ás necesidades dun concello integrado nunha área natural protexida e tendo en conta que outros concellos de Galicia están a recibir ata 800.000 euros para a clausura dos vertedoiros intencionados, debe ter como obxectivo fundamental a mellora paisaxística e ambiental do espazo afectado.
Existen diferentes medidas de rehabilitación mediante técnicas e tratamentos para conseguir a restitución do que había antes da alteración humana nese espazo. A recuperación atendeu á implantación dunha cuberta vexetal herbácea co fin de converter ambas zonas en espazos verdes. Mediante dúas capas illantes, a drenaxe do terreo e a cobertura con terra vexetal púsoxe en marcha o plan de revexetación dos espazos.
|





