| Acción de rúa Zona Libre de Bolsas |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 24 Febreiro 2010 19:39 |
|
Amigos da Terra e Ourense Centro propoñen aos cidadáns cambiarlles as súas bolsas de plástico por bolsas reutilizables.
A pasada semana Amigos da Terra e o CCA Ourense Centro poñían en marcha unha campaña de sensibilización ambiental a través da cal os 300 establecementos asociados á organización comercial se convertían en puntos de distribución de bolsas reutilizables ao tempo que informaban sobre a importancia da xestión axeitada dos residuos.
Agora queren dar un paso máis e cambiar directamente na rúa aos cidadáns que o desexen as súas bolsas de plástico por bolsas reutilizables. Para iso, mañá xoves, día 25 de febreiro instalarán na Rúa do Paseo unha carpa na que ademais de cambiar bolsas ofrecerán aos participantes a posibilidade de asinar un manifesto que os compromete a reducir dentro das súas posibilidades a xeración de residuos.
Data: Xoves, 25 de febreiro Horario: Mañá 11.30 a 14.00 Tarde 17.00 a 20.00 Lugar: Rúa do Paseo (zona Ibense)
Esta campaña de cambio de bolsas inclúe un incentivo para a redución do consumo de bolsas, que consiste en encher un cupón que se lles entregará no posto no que cada comercio lles selará unha casa cada vez que renuncien a unha bolsa. En total son necesarias catro renuncias ou catro selos estampados no cupón para que o participante teña dereito a un premio.
No posto estarán voluntarios da asociación, ofrecendo aos interesados información máis detallada sobre como reducir os residuos e como realizar unha xestión máis sostible destes.
|





