| Segunda fase do proxecto de compostaxe doméstico en O Grove |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 28 Abril 2010 12:21 |
|
Esta segunda parte, que conta co financiamento do Concello e a execución técnica de Amigos da Terra, durará 9 meses e implicará a 50 familias deste municipio pontevedrés.
Mañá, xoves 29 de abril, ás 18.30 horas terá lugar na Casa da Cultura de O Grove a reunión formativa sobre o proxecto, na que participarán as partes implicadas e as familias participantes previamente seleccionadas. Trala formación efectuarase o reparto de material, e os participantes asinarán un contrato de aceptación das condicións do proxecto.
O obxectivo deste proxecto é o de reducir os residuos orgánicos producidos no concello, obter un abono de calidade, e concienciar aos cidadáns acerca da problemática asociada aos residuos. Para isto, repartirase un composteiro de 400 litros a cada familia. Así mesmo, proveráselles dun manual para coñecer máis do proceso e de asesoramento técnico a domicilio e por teléfono, por parte dos monitores de Amigos da Terra.
Tanto a difusión do proxecto entre os cidadáns como a selección dos beneficiarios, correu a cargo do Concello de O Grove. Os requisitos para participar incluían, habitar nunha vivenda unifamiliar con parcela anexa cultivada, a concienciación ambiental e o número de habitantes da vivenda. Finalmente, escolléronse 50 familias participantes que cumprían con estes requisitos.
Unha vez se inicie o proceso nas vivendas, realizaranse tres visitas nos domicilios dos participantes co obxectivo de resolver dúbidas e recoller datos relativos á evolución do proxecto. Por último, transcorridos nove meses, se extraerán mostras para ser analizadas, demostrando así a viabilidade do proceso e a calidade do produto obtido.
|





