| A estratexia do “Lavado verde” no novo Plan Galego de Residuos de Galicia |
| Escrito por Montse Fernández |
| Martes, 25 Maio 2010 08:47 |
|
O novo Plan de Residuos que se presentou o venres pasado no Consello de Medio Ambiente de Galicia (COGAMA) recupera a xestión do lixo baseada na incineración, mesturándoa con algunhas medidas de redución e compostaxe “de cara a galería”.
Os aspectos positivos do plan son o anuncio da instalación de 8 plantas de compostaxe e a redución do 10 % do lixo xerado para o ano 2020. Segundo declarou Celestino Quintela, voceiro da FEG: “Dende a FEG entendemos que estas medidas positivas carecen de ambición e son claramente insuficientes, xa que no fondo, o plan ten como elemento central a incineración, ao que dedica preto do 50 % do orzamento”. Profundizando así no modelo fracasado de Sogama, o que fai que os elementos positivos semellen máis ben unha estratexia de “márketing verde” da Consellería, que unha aposta decidida pola redución na produción e a compostaxe.
Por outra banda, as estratexias de prevención, como o fomento dos envases de vidro ou de retorno son meramente testemuñais.
Sogama sobrevive facendo “malabarismos económicos”:
Cos datos da propia Xunta na man, Sogama so trata a metade dos residuos que lle chegan, e a enerxía que produce non é suficiente nin sequera para alimentar enerxéticamente o propio proceso de incinerado. En cambio, cóbralle aos concellos como se xestionara o 100 %, mentres que un 50 % vai directamente ao vertedoiro, un non tratamento moi máis barato.
Segundo María Durán, responsable da area de Residuos de Amigos da Terra, “é así, cobrando por un servizo que só presta en parte, como Sogama foi sobrevivindo, nun exercicio de xogos malabares”. A nova planta no sur de Galicia, con toda seguridade, repercutirá nun incremento na taxa que os concellos (hoxe ronda os 55 € / tonelada) terán que pagar a Sogama e por ende, na subida correspondente na taxa do lixo que pagamos as galegas e galegos.
A pregunta é obvia, a quen beneficia entón a xestión baseada na incineración?
Un modelo de xestión a medida dos intereses da industria:
Se ben entendemos que o goberno galego ten a obriga de xestionar os residuos de maneira ambiental e socialmente responsable, semella que claudicou das súas responsabilidades e que son os intereses das grandes empresas enerxéticas os que someten a Galicia á incineración.
O novo plan converte aos residuos nun colosal negocio para as grandes empresas enerxéticas, xa que Gas Natural, Fenosa ou Iberdrola entre outras, porán os preto de 200 millóns de euros de investimentos privados que ten o plan, e financiarán a nova incineradora do sur de Galicia en máis do 90 %, mercantilizando así un problema social e ambiental e abrazando a máxima de “a máis residuos, maior beneficio”.
"A lóxica do beneficio económico e a aposta pola incineración desincentivará a redución do lixo, a única vía real para solucionar o problema dos residuos", declara María Durán. Entendemos polo tanto, que a Xunta de Galicia pon os intereses privados e económicos por diante dos intereses da cidadanía.
|





