| Galicia, líder da Unión Europea en incineración |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 18 Xuño 2010 08:25 |
|
Amigos da Terra pide no “Día Mundial contra a Incineración” que Galicia siga os modelos de outras rexións europeas e aposte pola redución na xeración de residuos e pola compostaxe, abandonando o modelo insostible e contaminante da incineración.
Cada galego e galega xera na actualidade 442 kg(1) de residuos ao ano, dato que nos sitúa por debaixo da media española (preto dos 600 kg) e aínda máis abaixo da media da Unión Europea. En cambio, en Galicia a Xunta de Galicia incinera o 42,5% dos Residuos Sólidos Urbanos. Tendo en conta que a media europea está no 20%, e a española non chega ao 10% do total de residuos xerados, podemos concluír que Galicia ten o dubidoso mérito de ser hoxe unha das rexións líderes da incineración en España e en Europa.
O novo plan de residuos que o goberno galego quere aprobar prevé a construción dunha nova planta incineradora no sur de Galicia, cunha capacidade semellante a actual. Este feito, colocaríanos entorno aos 375 Kg de lixo por galego que anualmente serían enviados a incinerar. Unha cifra só superada hoxe por Dinamarca, con algo máis de 400 kg(2).
Que modelo de xestión de residuos queremos para Galicia? O goberno galego aposta polo modelo danés, que non conseguiu conter a xeración de residuos (801kg/persoa e ano, récord europeo) nin as emisións e riscos da queima do lixo (427kg/persoa e ano son enviados a incinerar).
Non obstante, lonxe deste modelo existen en Europa rexións que están a xestionar os seus residuos minimizando a incineración. A rexión de Flanders en Bélxica, é o espello no que a Xunta que Galicia se debe mirar de cara ao futuro. Esta rexión conseguiu reducir nun 73% a xeración de residuos entre 1996 e 2006(3) e segundo datos do 2007, recicla e composta o 75% dos seus residuos.
Neste día, desde Amigos da Terra denunciamos os riscos e os prexuízos da incineración e pedimos un cambio de dirección no modelo que a Xunta de Galicia propón no plan de residuos, así como do actual modelo SOGAMA baseado na incineración.
Propoñemos que en Galicia se faga unha aposta decidida pola redución na xeración de residuos, lonxe do escaso 10 % que establece o novo plan de residuos de Galicia de cara a 2020. Así mesmo, reclamamos para Galicia a aposta pola compostaxe,seguindo ao exemplo de Flanders, e a descentralización na xestión de residuos.
NOTAS: (1). Xunta de Galicia. Plan de residuos sólidos urbanos (2). Eurostat (3). GAIA- Incineración de residuos urbanos en la UE en el siglo XXI, solución o problema?
|






