|
Escrito por Montse Fernández
|
|
Xoves, 15 Xullo 2010 13:17 |
|

Amigos da Terra, a Federación Ecoloxista Galega (FEG), e a Sociedade galega de Educación Ambiental (SGEA), contando co apoio de Greenpeace, presentan un documento conxunto de alegacións ao borrador do novo Plan Galego de Residuos.
Este plan presentado o pasado mes de maio no Consello de Medio Ambiente de Galicia (COGAMA) recupera a xestión do lixo baseada na incineración, mesturándoa con algunhas medidas de redución e compostaxe “de cara a galería”, como a instalación de 8 plantas de compostaxe e a redución do 10 % do lixo xerado para o ano 2020.
Os grupos ecoloxistas galegos entendemos que estas medidas positivas carecen de ambición e son claramente insuficientes, xa que no fondo, o plan ten como elemento central a incineración, ao que dedica preto do 50 % do orzamento”.
Para nós é fundamental que o novo plan incorpore unha serie de aspectos básicos para acadar un tratamento sostible para os residuos.
- Unha participación social activa, real e efectiva na planificación e deseño dos Plans de Residuos, para o cal un bo comezo sería a creación dunha mesa de traballo temática de residuos dentro do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADES).
- A introdución de programas que empreguen a Educación Ambiental como unha outra ferramenta de xestión ambiental.
- A priorización da redución dos residuos como eixo fundamental nas políticas de xestión, onde se inclúan tamén medidas lexislativas que regulen a produción de envases para acadar unha redución efectiva dos mesmos, xa que está comprobado que os acordos voluntarios non son eficaces.
- Un cambio nos modelos de recollida selectiva, cun contedor específico para a materia orgánica que faga posible a súa recuperación e recollida sen impurezas.
- A aposta pola compostaxe, tendo en conta que a fracción maioritaria dos nosos residuos é materia orgánica e que ben xestionada pode ser enteiramente reciclada e devolta ós solos incrementando a súa fertilidade.
- Un modelo descentralizado, estable e adaptado ao modelo territorial galego, con pequenas plantas de xestión máis doada.
- A desaparición da incineración das políticas de xestión do lixo galego.
Para ver o documento de alegacións, premer aquí.
|