Portada NOVAS Amigos de la Tierra pide que a nova Lei de Residuos se basee en criterios ambientais
Amigos de la Tierra pide que a nova Lei de Residuos se basee en criterios ambientais
Escrito por Montse Fernández   
Mércores, 01 Setembro 2010 11:28
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

100302_basura_sogama

O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño está a tramitar a nova Lei de Residuos, cuxo período de participación pública finalizou onte. Esta nova lei traspoñerá a Directiva Marco de Residuos e substituirá a Lei de Residuos de 1998 que ata o momento foi o marco lexislativo para a xestión dos residuos no noso país. A nova Lei de Residuos deberá aprobarse antes de decembro de 2010 para cumprir os prazos establecidos dende Europa.

 

Esta lexislación será o marco que regule a xeración e xestión de residuos nos próximos anos e na que se deberán basear as Comunidades Autónomas á hora de elaborar as súas propias lexislacións. Será fundamental para encamiñar ao noso país cara a unha sociedade da reciclaxe, coa mínima xeración e impacto dos seus residuos, ou ao contrario, para seguir fomentando a insostible sociedade do "usar e tirar".

 

Dende a asociación consideramos que o borrador actual presenta serias carencias, principalmente porque non fomenta a redución dos residuos e polo tanto non pon medidas para rematar co dispendio actual dos recursos naturais, necesarios para a produción dos bens de consumo. O proxecto de lei tampouco formula sistemas alternativos á xestión actual de residuos, a pesar de que moitos dos métodos empregados demostraron de sobra a súa ineficacia, como a nefasta xestión dos envases que realiza Ecoembes.

 

En conxunto con outras organizacións presentamos alegacións a este documento, que o Ministerio debería ter en conta para que a nova Lei de Residuos cumpra a medio e longo prazo un obxectivo de protección do medio ambiente e de redución do consumo de recursos.

 

As principais demandas detállanse a continuación.

 

Redución

  • De acordo coa Directiva Marco de residuos, debería ser o elemento máis importante da lei, e no que se baseasen o resto de medidas. Por iso, solicítanse obxectivos ambiciosos e vinculantes de redución e reutilización (3% anual de redución e 5% de reutilización para lograr o 30% de redución e o 50% de reutilización no ano 2020).

Xestión de residuos

  • Solicítase o respecto da orde prioritaria de tratamento, a chamada xerarquía de residuos marcada pola Unión Europea (Redución, Reutilización, Valorización material, Valorización enerxética e Vertedura). Demandamos que unicamente en casos moi excepcionais, e nunca para residuos perigosos, nin para grandes fluxos de residuos, a análise de ciclo de vida pode xustificar unha variación na xerarquía. Deste modo, asegúrase que os grandes fluxos de residuos (materia orgánica, papel, vidro, envases...) non van parar á incineración, posto que se demostrou que a reciclaxe é mellor dende o punto de vista ambiental.
  • O custo da xestión dos residuos debe ser sufragado na súa totalidade polo produtor, e non darlle a posibilidade de soamente "asumir o custo parcialmente", xa que sería unha subvención pública á contaminación.
  • Solicítase a incorporación de sistemas de devolución, depósito e retorno, é dicir, pagar polos envases ao comprar o produto e recuperar o diñeiro ao devolvelos, para todos aqueles residuos nos que sexa máis eficaz que os sistemas actuais de recollida selectiva.
  • Proponse a complementación do sistema integrado de xestión de envases lixeiros (colector amarelo) cun sistema de depósito e retorno, tal e como se leva a cabo en países como Alemaña ou nos países escandinavos. Este sistema demostrouse máis eficaz dende o punto de vista ambiental e económico onde as porcentaxes de reciclado e reutilización de envases dun só uso son moito máis elevadas que os que se obteñen actualmente en España, chegando ata máis do 95% no caso de Alemaña. Así mesmo, este sistema promove a creación de máis postos de traballo.

Incineración

  • O concepto de subproduto incorporado no borrador, non debe impedir un control estrito dos procesos de incineración. Por iso, un subproduto non poderá ser usado como combustible, esquivando así o cumprimento dos requisitos esixidos á incineración ao perder a condición de residuo.
  • Deberíanse incluír instrumentos económicos para a prevención de residuos e a promoción da reciclaxe, posto que se demostrou que son os mais eficaces para promover cambios nos comportamentos dos diferentes axentes. Proponse a incorporación dunha taxa ambiental para os residuos destinados a incineración ou a vertedura.
  • Datos sobre xeración e xestión de residuos. Para solucionar o problema actual de escasez de datos, as organizacións solicitan que se regule a forma en que as Comunidades Autónomas deben achegar os datos para levar un rexistro transparente e homoxéneo, que recompilará o MARM, cunha metodoloxía estatística acordada coas comunidades autónomas.

 

Bolsas de plástico dun só uso

  • Rexeitamos o termo "substitución" proposto na Lei, debido a que o obxectivo debe ser a redución e non o traslado do problema a outro material diferente, aínda que sexa biodegradable.
  • O obxectivo proposto de reducir as bolsas un 60% para 2013, parece escaso proponse un obxectivo de redución do 70% antes da súa eliminación total.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Residuos
UsaR y no tiRaR

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.