Portada NOVAS Amigos da Terra denuncia a política de “feitos consumados” na xestión de residuos
Amigos da Terra denuncia a política de “feitos consumados” na xestión de residuos
Escrito por Montse Fernández   
Xoves, 25 Novembro 2010 08:52
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

incineracion_residuosAmigos da Terra denuncia a falta de transparencia e a política de “feitos consumados” da Consellería de Medio Ambiente na xestión de residuos. A pesar de que o período da cidadanía para presentar alegacións ao Plan de Residuos xa rematou, Agustín Hernández amósase disposto a “adaptar o plan de residuos á proposta dunha empresa”. Así mesmo, para a asociación resulta escandaloso que a Xunta de Galicia aproveite o concurso eólico para insinuar a concesión dunha planta de xestión de residuos á empresa “Estela Eólica”.

 

Dende a asociación entendemos que este comportamento antidemocrático só atende a que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas atópase sen ideas e dedícase a confundir e dar as costas á cidadanía a través dunha política de “feitos consumados”. Unha política na que, segundo as últimas declaracións de Javier García, administrador de Estela Eólica: “a empresa xa ten establecido contactos con concellos na zona sur de Galicia”, e se da por suposto que se fará a planta, a pesar de que aínda non se aprobou o Plan de Residuos e polo tanto non se coñecen os criterios a seguir na xestión de residuos en Galicia.

 

Lamentable confusión entre a Xunta de Galicia e a empresa Estela Eólica


Mentres que Agustín Hernández mantén o seu desexo de que a planta conte con incineración, Javier García, administrador de Estela Eólica, nega que a empresa vaia a contar con valorización enerxética, e tampouco con planta de compostaxe. Unhas declaracións que reflexan a falta de criterio que teñen tanto a Consellería de Medio Ambiente como a empresa eólica á hora de emprender un proxecto tan importante en materia medioambiental para Galicia.

 

Amigos da Terra entende que estes intentos de confundir e distraer as galegas e galegos teñen que rematar. "Galicia ten un problema cos residuos orgánicos (50% do total), e a única maneira ambientalmente sostible de solucionalo é apostar pola compostaxe e facelo de forma descentralizada. As outras alternativas, incineración ou vertido constitúen unha volta ás políticas obsoletas e contaminantes do pasado" declara María Durán, responsable da área de residuos de Amigos da Terra.


A asociación ecoloxista lembra que a creación dunha nova planta incineradora no sur de Galicia non é a solución adecuada para a xestión do gran volume de residuos xerados na nosa comunidade e pide un cambio de dirección no modelo que a Xunta de Galicia propón no plan de residuos. Así mesmo, agardamos que as nosas alegacións ao plan sexan tidas en conta e a Xunta aposte pola compostaxe descentralizada.

 

Que modelo de xestión de residuos queremos para Galicia ?


O goberno galego aposta polo modelo danés, que non conseguiu conter a xeración de residuos (801kg/persoa e ano, récord europeo) nin as emisións e riscos da queima do lixo (427kg/persoa e ano son enviados a incinerar).

 

Pero lonxe deste modelo, existen en Europa rexións que están a xestionar os seus residuos minimizando a incineración. A rexión de Flandes en Bélxica, é o espello no que a Xunta que Galicia se debe mirar de cara ao futuro. Esta rexión conseguiu reducir nun 73% a xeración de residuos entre 1996 e 2006 e segundo datos do 2007, recicla e composta o 75% dos seus residuos.

 

Dende Amigos da Terra propoñemos que en Galicia se faga unha aposta decidida pola redución na xeración de residuos, lonxe do escaso 10 % que establece o novo plan de residuos de Galicia de cara a 2020. Así mesmo, reclamamos para Galicia unha aposta clara pola compostaxe seguindo ao exemplo da rexión belga de Flandes,  e a descentralización na xestión de residuos como as mellores solucións para este problema.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Residuos
Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe
Un Mundo de Bajo Consumo
UsaR y no tiRaR

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.