| Ecovixía polos Canóns do Sil |
| Escrito por Montse Fernández |
| Luns, 08 Marzo 2010 20:11 |
|
A pasada fin de semana realizamos unha nova ecovixía polos Canóns do Sil, unha zona incluída dentro da Rede Natura, co obxectivo de detectar as desfeitas contra a natureza que se están a levar a cabo na Ribeira Sacra e desfrutar dun día en plena natureza.
Ademais das impresionantes paisaxes dos canóns, puidemos comprobar o impacto da acción humana na zona, reflectida nos parques eólicos e nas torres das liñas de alta tensión que estragaban a nosa vista.
Realizamos unha primeira parada no Miradoiro de Cabezoás, que conta cunha das panorámicas do río Sil máis espectaculares da zona.
Despois dirixímonos polo Camiño Real dos Peares a San Estevo, pasando por carreiros de fragas con sobreiras, castiñeiros e carballos vestidos con traxes de liques azuis.
No ceo puidemos observar algúns miñatos abelleiros, a aguia albela e escoitamos ao lonxe os cantos das rulas. Tamén vimos algúns corzos, aínda que como era de esperar, escaparon ante a nosa presenza.
Xa pola tarde achegámonos ao Mosteiro de Santa Cristina para contemplar a historia destas pedras, un monumento románico que a pesar do tempo segue conservando a súa grandiosidade.
Dende Amigos da Terra temos previstas máis ecovixías para os vindeiros meses, manterémosvos informados das novas datas.
Aquí podedes ver máis fotos da ecovixía.
|








