| A Comisión Europea investiga o efectivo cumprimento do Convenio Aarhus en España |
| Escrito por Montse Valencia |
| Xoves, 11 Xuño 2009 08:57 |
![]() O cumprimento do contido do Convenio por parte das administracións, foi sempre motivo de crítica por parte de Amigos da Terra que considera que existe un reiterado desleixe por parte dos gobernos para deixar sen efecto os dereitos que, tanto a cidadáns como ONGs ambientalistas, lles son recoñecidos pola norma internacional de Aarhus.
A Comisión Europea deu un prazo de 10 semanas para que o Estado español clarifique que tipo de medidas adopta á hora de promover a participación das ONGs ambientalistas na elaboración de normas que afectan ao medio ambiente. Esta situación foi xerada pola queixa dunha organización ecoloxista que a interpuxo o mes pasado de febreiro, porque pretendeu, dacordo coa participación pública que regula o Convenio de Aarhus e que ve o seu reflexo no ordenamento xurídico español a través da Lei 27/2006, do 18 de xullo, participar no proceso de elaboración do proxecto da Lei Xeral de Navegación Marítima. Ante a negativa do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, a ONG decidiu tramitar escrito de queixa diante do organismo que representa á Comisión Europea en España. A decisión da institución europea de examinar a situación sobre a efectiva e correcta aplicación das directrices do Convenio, supón un avance en relación á defensa da mellora do medio natural e o recoñecemento de que o Convenio proporciona unha serie de dereitos que non poden ser exercitados correctamente pola inaplicabilidade do mesmo pola Administración española. Neste senso, a principios de ano as principais organizacións ecoloxistas do Estado, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e SEO/Birdlife, uníronse para solicitar ao Ministerio, a efectividade da participación a través de Aarhus en asuntos medioambientais. Ademais, dito Ministerio, publicou en decembro de 2008 o borrador do Informe que recolle o grao de cumprimento do Estado español dos principios regulados polo Convenio de Aarhus. A dito Informe fixéronselle unha multitude de alegacións referidas, en todo caso, á falta de cumprimento de calquera dos tres pilares do Convenio: acceso á información ambiental, dereito á participación pública en asuntos que poidan incidir directa ou indirectamente no medio ambiente e o acceso á xustiza gratuíta en materia ambiental, alegacións ás que, segundo se informou aos diferentes colectivos alegantes, físoxe caso omiso. Amigos da Terra foi unha das organizacións alegantes e a Rede de Avogados para a Defensa Ambiental (RADA) tamén presentou varios escritos que reflexaban, en definitiva, o incumprimento polo Estado membro español do Convenio de Aarhus. |





