| Amigos da Terra avalía a Memoria da Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo |
| Escrito por Montse Valencia |
| Venres, 12 Xuño 2009 08:56 |
![]() Con esta Memoria 2008, a Fiscalía pretende ofrecer unha visión das novidades producidas dentro da especialidade de Medio ambiente e Urbanismo que compete ao Ministerio Fiscal. Alude á limitación de medios e de persoal que tiña a Fiscalía, coa repercusión negativa que iso conlevaba na realización do seu traballo. Namentres que na actualidade, isto solvéntase en aras á mellorar a actividade protectora do medio ambiente. Algunhas das denuncias que Amigos da Terra tramitou ao longo do ano pasado dirixíronse á fiscalía de Ourense, principalmente, e de Pontevedra, e versaban sobre maltrato animal, como as denuncias dirixidas ao fiscal de Pontevedra pola reiterada e impune situación dos cabalos con cepos inmobilizadores que se estendían polos montes da provincia. A este respecto, dito órgano xudicial abriu dilixencias de investigación para averigüar a quen pertencía a propiedade dos equinos. En Ourense, tamén traballamos pola protección do monte fronte aos numerosos incendios e, neste senso, a fiscal mostrouse moi receptiva a unha colaboración conxunta coa fin de, non so traballar para a extinción dos lumes, senón para a prevención dos mesmos baseada na educación ambiental á cidadanía. No tocante á actuación levada a cabo polas fiscalías provincias de Galicia no seu conxunto, fai un especial chamamento ao traballo realizado pola fiscalía de Ourense en canto aos incendios forestais e á de A Coruña pola protección do Patrimonio Histórico. Durante o ano 2008 incoáronse en Galicia, 78 dilixencias de investigación (fase anterior á posible apertura de xuízo e que serve para que o xuíz realice averigüacións) correspondentes a medio ambiente, 129 á ordenación do territorio, 10 sobre patrimonio histórico, 5 sobre a flora e a fauna, 70 sobre incendios forestais e 3 sobre maltrato animal. Abriuse procedemento xudicial na Comunidade autónoma galega por 65 denuncias de medio ambiente, 123 de ordenación do territorio, 33 de patrimonio histórico, 16 sobre flora e fauna, 281 sobre incendios e 6 sobre maltrato animal e deron lugar a sentenza, 4 de medio ambiente, 11 de ordenación do territorio, 2 de patrimonio histórico, ningunha sobre flora e fauna, 38 sobre incendios e 1 sobre maltrato animal. Finalmente, dicir que a Fiscalía fai especial mención ás “importantes aportacións que efectúan as ONGs ambientais e asociacións de veciños e a significativa colaboración que prestan denunciando feitos delictivos, proporcionando información, datos, etc...constituíndo un instrumento básico á hora de aplicar axeitadamente a normativa ambiental”. |





