| Integración en Ourense do tren de alta velocidade |
| Escrito por Montse Valencia |
| Xoves, 29 Outubro 2009 18:49 |
|
O estudio informativo denominado “Integración urbana e Acondicionamento da Rede ferroviaria de Ourense” atópase en periodo de exposición pública para que calquera cidadán presente as súas alegacións ou observacións. O estudio pódese consultar na Subdelegación do Goberno de Ourense ou no concello.
Amigos da Terra consultou o estudio informativo do proxecto que recolle o traxecto do tren de alta velocidade ao seu paso por Ourense. Unha das preocupacións do colectivo ecoloxista era determinar con exactitude os puntos do AVE que transcorren polo monte de Os Canivelos, onde se atopa unha importante zona de interese forestal e doutra parte, a posible afección desta obra sobre o Castro de Santomé ou máis adiante, polo Castro de Oira.
Existe un borrador de proxecto que é o que se pode consultar publicamente. O Ministerio de Fomento, xunto cos outros Ministerios implicados como o de Medio Ambiente, non descartan desbotar esta opción e acollerse á alternativa de soterrar o tren para evitar a afección do mesmo a súa entrada por Mende, afectando á zona forestal citada e a importantes puntos de auga e poboacionais e posteriormente, o seu paso por Oira ata a estación de tren actual.
Segundo se desprende dos mapas consultados, os Castros de Santomé e de Oira non se verían prexudicados aínda que, como defende Amigos da Terra, habería que dar coa alternativa ambiental, social e economicamente máis rendables promovendo o reaproveitamento, adaptación e actualización das infraestruturas que xa existen.
A Administración está sometida ao interese xeral e non é o criterio persoal, libre e omnímodo desta a que decide por si soa, senón que a súa decisión debe adoptarse para servir precisamente a ese interese xeral.
A obra ferroviaria prevista, non só non responde ao interese xeral que supostamente se xustifica, senón que suporía numerosos efectos negativos que afectarían a outros intereses públicos que a Administración non pode descoñecer. Causaría un enorme impacto ecolóxico con danos irreparables en zonas naturais, variacións de canles de auga etc., e que impedirían un futuro desenvolvemento baseado na promoción dos recursos naturais, paisaxísticos e turísticos.
Consulta o proxecto e presenta as túas alegacións! Prazo: novembro (o Ministerio anuncia non acotar a recepción de alegacións ata que se peche o expediente co fin de recibir o maior número de observacións dos cidadáns). |





