| Amigos da Terra critica as xestións da declaración da ZEPA en A Limia |
| Escrito por Montse Valencia |
| Venres, 11 Decembro 2009 11:05 |
|
A Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) limiense é un tema controvertido dende os inicios nos que se declaraba publicamente a intención de nomear na Limia unha figura de protección ambiental regulada dende a Unión Europea.
Controversias que se puideran paliar se o bipartito, que dispuxo de 4 anos para facelo, efectuara as súas labouras político - ambientais dun xeito correcto. A chegada do partido de Feijoo non supuxo un gran avance na diplomacia ambiental galega e, finalmente, a declaración da ZEPA se impuxo sobre as protestas dos veciños xa que se obviaron e omitiron dende a Xunta as súas peticións.
O curioso do tema é que o proceso ben levado a cabo é moi sinxelo, xa que unha vez que un goberno decide declarar unha zona protexida ambientalmente, dispón de normas ambientais abundantes que amparan a súa decisión e, ao mesmo tempo, os cidadáns afectados dispoñen do seu propio amparo legal, ambos compatibles e que poden discorrer paralelos. Malia isto, o executivo galego optou pola imposición xa que urxía responder a Europa e frear a inminente multa por faltar á obriga de declarar espazos galegos protexidos para as aves.
A coñecida lei Aarhus, trasposta dende o 2006 ao ordenamento xurídico español, recolle a obriga de todos os poderes públicos de proporcionar toda aquela información ambiental de que dispoñan, e non só isto, senón que a norma regula unha gran novidade no eido ambiental e pro-dereitos cidadáns: dereito de todos a participar publicamente na elaboración de plans e programas que teñan ou puideran ter unha incidencia directa ou indirecta sobre o medio ambiente e a participar na elaboración da disposición de carácter xeral sobre medio ambiente.
Os resultados de tanta inoperancia son uns veciños desinformados, descontentos e contrarios á protección das aves na zona. E unha vez máis, a vítima é o medio ambiente que carente de voz e voto queda ás expensas das deficientes actuacións administrativas nun momento no que a protección ambiental está a debate mundial.
|





