| Cúmprense 2 anos da restauración ambiental da escombreira en Toén baixo ameaza de multa de Industria |
| Escrito por Montse Valencia |
| Xoves, 25 Marzo 2010 12:10 |
|
Co gallo do Día mundial forestal, Amigos da Terra visitou a escombreira restaurada fai dous anos. A asociación ecoloxista levaba dende o 2002 denunciando a situación da escombreira empregada ilegalmente por unha explotación mineira de áridos localizada en Mugares, no termo ourensán de Toén. Ao longo destes anos tramitáronse varias denuncias e fixéronse diferentes xestións para dar co cumprimento da legalidade ambiental e mineira.
Amigos da Terra realizou ata unha ducia de denuncias dirixidas aos distintos organismos competentes como o concello de Toén e ás antigas Consellerías de Medio Ambiente, de Industria e de Política Territorial. Así mesmo, mantivéronse xuntanzas cos veciños afectados, moitos deles denunciantes previos da situación, e reunións cos órganos administrativos competentes da provincia de Ourense.
Fonte: Amigos da Terra. Situación da escombreira no 2005
As denuncias versaban principalmente sobre o incumprimento da normativa ambiental respecto aos informes ambientais preceptivos das canteiras e escombreiras e, sobre o incumprimento mineiro, respecto ás directrices marcadas pola Lei de Minas de 1973 e posteriormente coas que marcou a Lei de Ordenación da Minería de Galicia, do 2008.
Fonte: Amigos da Terra. Situación da escombreira no 2006
A escombreira non estaba autorizada e polo tanto, era ilegal. Durante oito anos, a empresa foi amontoando o material sobrante da explotación, convertindo parte do bosque de Toén, un dos bosques caducifólios máis importantes de Ourense, nunha gran balconada de áridos facendo desaparecer a flora e a fauna alí onde foi depositanto e creando estas areeiras artificiais, o que complicou a restauración.
Fonte: Amigos da Terra. Situación da escombreira no 2007
Debido á alta degradación do entorno, tratar de restituír o medio ambiente ao seu estado orixinario moitas veces convértese nunha tarefa inviable e aínda que, existíu vontade por parte da administración e da empresa, foi imposible restaurar a zona máis aló dunha reforestación con árbores autóctonas e un aporte de terra vexetal.
Fonte: Amigos da Terra. Situación da escombreira no 2008
Amigos da Terra lembra ás administracións, neste senso, da necesidade de dar cumprimento á normativa mediante as correspondentes inspeccións ambientais e da pescuda que deben efectuar por denuncias cidadáns que reciban. Ademais, as empresas deben ter moi en conta os agravios ambientais que poden acometer co seu desleixo, non só poden ser sancionadas con multas económicas importantes, coma as que establece a lei de responsabilidade ambiental que promove o principio “Quen contamina, paga”, senón con outro tipo de sancións, como a revogación dunha autorización ou o peche, temporal ou definitivo, das instalacións sen esquecer que o delito ecolóxico do Código Penal se paga con penas de prisión.
Fonte: Amigos da Terra. Escombreira restaurada. 2010
|










