| Amigos da Terra cualifica a apertura de Vigozoo unha pírrica vitoria do Concello de Vigo |
| Escrito por Montse Valencia |
| Martes, 30 Marzo 2010 11:45 |
|
O concello de Vigo puido abrir as portas ao recinto do zoo logo da inspección efectuada pola Consellería do Medio Rural. Esta apertura vai supór un alto grao de compromiso do Concello e da Concellería de Medio Ambiente de Vigo para dar cumprimento ao protocolo que presentaron á Xunta de Galicia e fronte á Unión Europea.
Logo de varias prórrogas para dar cumprimento á normativa de Zoos, a Concellería de Medio Ambiente puido dar apertura de forma oficial ao zoo. Non obstante, a aprobación pola Consellería do Medio Rural da situación actual do zoo non foi absoluta, xa que dita aprobación non evitou o peche de dúas das instalacións polo que o cumprimento das normas foi parcial.
Aínda que a documentación presentada pola administración viguesa pareceu cumprir cos obxectivos e esixencias marcados pola Xunta, haberá que facer un seguimento do cumprimento do contido desa documentación. Unha declaración de boas intencións pode precisamente, quedar só en intencións sen garantir a posta en práctica do plantexado polo que se produciría unha apertura en falso das portas do zoo.
O cumprimento de mínimos que fixo o concello de Vigo, vai ser unha continua fonte de problemas para o zoo e para os animais que nel habitan. A clave está en dilucidar como o concello vai dar cumprimento a todas as pautas que presentou na documentación esixida pola Xunta se leva anos exercendo un grave papel de incumplidor e nefasto tutor dos animais.
A carta de presentación do único núcleo zoolóxico que existe en Galicia, é a dun recinto que obviou a normativa esixida durante anos e que debera por elo, pecharse ao público para garantir, non só o cumprimento das leis, senón que a educación ambiental que presuntamente se da nestes centros sexa suplida con técnicas máis efectivas sen crueldade de cara aos animais. No século XXI un núcleo zoolóxico xa non está xustificado.
Finalmente, Amigos da Terra solicita ao Concello que leve a bo fin o cumprimento de facilitación de información ambiental que durante meses leva demandando o colectivo. Ademais, os ecoloxistas solicitan que se fagan públicos todos os informes efectuados sobre Vigozoo na web do Concello para que sexan de coñecemento público e para esclarecer a situación regulamentaria do mesmo xa que se o concello di que o parque zoolóxico está en regla non debera ter nada que ocultar.
|





