| Unha depuradora que se resiste... |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 31 Marzo 2010 09:07 |
![]()
Amigos da Terra solicitará ante a Unión Europea, a súa intervención directa na construción da depuradora de Vigo e que as posibles sancións polas deficiencias de depuración e a contaminación da ría as paguen os responsables directos.
Con independencia dos discursos, sempre tan contundentes pero sen ningún avance na práctica, a conclusión final resulta evidente: a incapacidade absoluta das distintas administracións para poñerse de acordo e a desprotección ambiental que está a sufrir a ría de Vigo, a pesar do tempo que a Unión Europea leva advertindo das inminentes sancións e das diversas permutas electorais polas que os distintos partidos foron gobernando nos distintos niveis da administración. Porqué as multas derivadas directamente da incapacidade dos nosos representantes políticos teñen que ser pagadas cos impostos de toda a poboación?
Propoñemos que a sanción europea (que podería chegar a un millón de euros diarios) se desconte directamente das nóminas do Presidente do Goberno, do Presidente da Xunta, e do Alcalde de Vigo e dos responsables das áreas de medio ambiente de dito goberno estatal, autonómico e local, apoiados solidariamente polo resto dos equipos de goberno.
Entendemos que esta proposta ten poucas posibilidades de saír adiante, do mesmo xeito que sospeitamos que si existira esa posibilidade de que a súa incapacidade fora descontada directamente do seu salario todas as administracións chegarían en cinco minutos a un acordo pechado e definitivo, o que non conseguiron en máis de dez anos.
A proposta de Amigos da Terra - Facer unha separación e tratamento diferencial de augas pluviais e augas residuais, e unha separación estrita das augas residuais urbanas e das industriais.
- Vixiar e controlar o estrito cumprimento das normas sobre depuración e vertidos das empresas e industrias.
- Diversificar a rede de saneamento, instalando unha rede de depuradoras en cadea ao longo das cuncas dos vales urbanos (unha depuradora para o entorno de Teis, outra para a zona centro e outra para Bouzas, instaladas en terreos da autoridade portuaria), de xeito que ante unha avaría dunha das depuradoras ó resto da rede podería asumir parcialmente a depuración.
- Manter a actual depuradora da Xunqueira do Lagares unicamente para a depuración das augas residuais urbanas da cunca do Lagares e Val do Fragoso.
|





