| Privatización do monte, extinción de especies e perigo de lumes |
| Escrito por Montse Valencia |
| Xoves, 09 Setembro 2010 13:57 |
|
Matar por matar NON, Libera, Amigos da Terra, Coto do Frade, Federación Ecoloxista Galega, Verdegaia e Adega consideran unha irresponsabilidade administrativa autorizar batidas de xabaril dez meses ao ano.
A Consellería do Medio Rural acaba de anunciar que vai autorizar batidas ao xabaril desde abril ata xaneiro. Nada menos que dez meses de caza por ano e 20.000 batidas que nin precisan acreditar danos e serán autorizadas de antemán.
Tal feito, inédito en calquera política ambiental seria, vai expulsar, ou colocar en grave risco para a súa integridade, a labradores e outras persoas que pretendan frecuentar o monte. Tamén pensamos que vai causar a extinción de outras especies debido a que non terán sosego para reproducirse ou cuxas crías serán devoradas polos cans de caza.
Agravarán o risco de incendios os vehículos, disparos e cigarros no monte, en época de verán, cando a lei correspondente prohibe tales actividades.
Pretenden rematar cos danos á agricultura, cando tal sistema xa se amosou inútil para tal fin unha vez que cada ano se autorizan máis batidas e cada ano hai máis denuncias por danos, moitas delas baixo a sospeita de seren feitas polos propios cazadores co obxecto de acadar autorizacións para batidas.
Pensamos que só se pretende favorecer ao loby da caza e ao negocio que nela se sustenta, de venta de armas e complementos para a caza, en prexuízo dos demais cidadáns que tamén teñen dereito a frecuentar o monte e do propio monte.
Sostemos que esta non e maneira seria de resolver o problema xa que, bandas de cazadores dando tiros o ano enteiro no monte, solo representan perigo para terceiros e non están pensadas nin para realizar servizos públicos, moito menos actividades altruístas e a súa finalidade é mais a de divertirse.
A solución contra os incendios e os danos ocasionados por animais que foron introducidos artificialmente en Galicia – como agora están sendo introducidos os corzos – debido á desaparición das especies cinexéticas clásicas, como coellos, perdices, lebres, faisáns, etc., a causa do exceso de caza e por abandono do rural, é o de poñer o monte en valor e coidalo racionalmente.
A tal fin pedimos que se destinen recursos a limpar o exceso de sotobosque durante o inverno, fomentar o incremento de frondosas que impiden o seu crecemento, obrigar aos tecores a realizar plantacións disuasorias lonxe dos cultivos produtivos, promover o peche de fincas plantadas, etc.
Facer o xogo ao loby da caza, facilitando máis batidas, só incrementa o problema, da mesma maneira que destinar inxentes cantidades de cartos a empresas para apagar lumes só ten incrementado o número destes. Mentres que, as accións que propoñemos, evitarán a proliferación destes animais e dos lumes, porque un monte limpo racionalmente non ten exceso de lugares onde se agochar e tampouco arde, ponse en valor e crea postos de traballo.
|





