| Amigos da Terra é convidada polo MARM a facer aportacións a tres proxectos con incidencia ambiental |
| Escrito por Montse Valencia |
| Martes, 30 Novembro 2010 14:26 |
|
O Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino (MARM) solicita a Amigos da Terra a aportación de suxerencias sobre tres proxectos con impacto ambiental evidente: sobre a construción dunha central hidroeléctrica reversible entre o río Salas e o río Limia, sobre o aumento de caudal do aproveitamento hidroeléctrico no río Navia e finalmente, sobre a construción dunha minicentral hidroeléctrica no río Montaña.
O envio do contido dos proxectos, dous deles localizados na provincia de Ourense e un na de Lugo, realizouse por parte do MARM de forma simultánea establecendo o prazo para a entrega das aportacións en 30 días.
Por iso, a primeira das suxerencias que Amigos da Terra realizou, foi considerar un total despropósito o envío simultáneo dos tres proxectos cuxo análise e avaliación deben realizarse nun único prazo, o que é practicamente inviable. Se a Dirección Xeral do Ministerio é consciente do traballo multidisciplinar e meticuloso que require a análise de calquera dos proxectos, podería deducir que efectivamente non é un tempo prudente nin razonable.
Amigos da Terra promove e defende desde a súa aprobación no 2006, a efectiva e correcta aplicación dos contidos da lei Aarhus, que regula o acceso á información ambiental, o dereito á participación pública e o acceso gratuíto á xustiza e lémbralle á Administración o menoscabo que sobre o contido da lei se produce se se fai unha interpretación superficial dos dereitos que a lei recolle, é dicir, a participación debe poder facerse polos axentes implicados na defensa do medio ambiente de xeito que estes dispoñan de toda a información necesaria e óptima para a elaboración dun informe que avalíe a innecesaria execución destes proxectos.
Para consultar as suxerencias feitas ao proxecto sobre a construción dunha central hidroeléctrica reversible entre o río Salas e o río Limia (Ourense) pincha no seguinte enlace: _suxerencias_encoro_salas_limia.odt
Para consultar as suxerencias feitas ao proxecto sobre o aumento de caudal do aproveitamento hidroeléctrico no río Navia (Lugo) pincha no seguinte enlace _suxerencias_aumentocaudariolnavia.odt
Para consultar as suxerencias feitas ao proxecto sobre a construción dunha minicentral hidroeléctrica no río Montaña (Ourense) pincha no seguinte enlace _suxerencias_AHriomontanha.odt
|







