| Abren un novo expediente sancionador ao Concello de San Cibrao por vertidos non autorizados |
| Escrito por Montse Fernández |
| Xoves, 23 Decembro 2010 12:41 |
|
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil enviou a Amigos da Terra unha copia do acordo de expediente sancionador aberto contra o concello de San Cibrao das Viñas polos vertidos non autorizados realizados fai dous meses.
A comunicación que o Organismo fai á entidade ecoloxista versa sobre a apertura dun expediente sancionador contra os “vertidos realizados entre os días 22/10/2010 e o 05/11/2010 incumprindo as condicións establecidas na autorización de vertido outorgada pola antiga Confederación Hidrográfica do Norte ao concello de San Cibrao, no ano 2004”. Para Amigos da Terra resulta salientable que estes vertidos, producidos fai dous meses, ocasionaron “danos valorados en 32.832 euros”, tratándose ademais dunha autorización de vertido do ano 2004, xa transgredida polo concello de San Cibrao no 2009, e cuxos danos ascenderon por entón, a 3.715 euros e unha multa de 15.025€, segundo a información oficial transmitida polo Organismo de Conca a Amigos da Terra.
Amigos da Terra responsabiliza ao concello de San Cibrao das continuas agresións ambientais que sufre o río e por elo esixe o cumprimento do principio de responsabilidade ambiental: “Quen contamina, paga”. Ademais da concorrencia penal e administrativa que debera resultar dos feitos reiterados sobre o río, as administracións deben executar o mandato da Lei de responsabilidade ambiental cuxo espírito parte do principio de “Quen contamina, paga”, polo que aquel operador que contamine, estará obrigado a reparar os danos ou prexuízos ocasionados ao medio ambiente incluíndo situacións de alto risco que tamén terán a súa valoración económica.
Así mesmo, a asociación considera fundamental que as administracións responsables directas do coidado do medio ambiente e da saúde das persoas, coñezan o contido desta lei de responsabilidade ambiental e a fagan cumprir ás empresas potencialmente perigosas ou susceptibles de contaminar, previndo a produción de accidentes e instrumentando novos sistemas de responsabilidade.
Para Amigos da Terra, a reiteración da situación sobre o río Barbaña responde principalmente a dúas causas: dun lado, causas técnicas, que son propiamente a desconexión da rede de saneamento, a falta de separación das augas pluviais e residuais e un mal funcionamento da estación por obsolescencia ou saturación. Por outra banda, causas educativas, pola falta de sensibilización dos concellos e das empresas, polo incumprimento reiterado das normas que regulan a protección das augas.
Modificacións lexislativas ao Código Penal Hoxe aprobouse a reforma ao Código Penal de 1995 que inclúe novidades en materia de medio ambiente: prodúcese unha agravación das penas correspondentes aos delitos contra o medio ambiente e incorpóranse á lexislación penal española os supostos previstos na Directiva 2008/99/CE, do 19 de novembro, relativa á protección do medio ambiente mediante o Dereito penal. |





